miércoles, 28 de marzo de 2018

MULLERES QUE FIXERON HISTORIA: Katherine Johnson. A muller que levou ao home á lúa

Os alumnos de 2º ESO-A ,realizaron unha adaptación da película basada na vida da física  estadounidense Katherine Johnson , científica espacial e matemática que contribuíu á aeronáutica e aos seus programas espaciais coa aplicación das primeiras computadoras electrónicas dixitais na NASA.
Este traballo e un máis da serie “ Mulleres que fixeron historia”, que realizamos para conmemorar o Día Internacional da Muller.
Parabéns aos rapaces e rapazas de 2º ESO pola iniciativa que tiveron e por todo o  traballo realizado: guión, vestiario, grabación.... e por suposto a súa profe de matemáticas, Belén, por motivalos tan ben. Mención especial para os profes Dani, Rocío, Anxo, Victor e Belén que se prestaron a colaborar no vídeo.

Aquí tedes o seu traballo

              

lunes, 26 de marzo de 2018

COMEZAMOS A PRIMAVERA PLANTANDO BUXO EN SANTA CATALINA


O mércores día 21 de Marzo comezou a primavera e conmemoramos o Día da Árbore, e que mellor xeito de recibila que repoboando con buxo os xardíns do Mosteiro de Santa Catalina de Montefaro.  Así, os nenos e nenas de 1º de primaria coas súas profes Meli e Pamen, achegaronse ata Montefaro onde os estaban a esperar Celsa e os seus compañeiros da AAMSC  para continuar a labor emprendida fai xa tres anos na que nos comprometemos  a coidar e manter os xardíns de Santa Catalina.
Este ano propoñémonos facer un estudo do seu crecemento ao longo do curso escolar e para iso faremos unha sinxela experiencia: nun lugar plantaranse  esgallos (esquejes) , noutro  esgallos en terra abonada e noutro lugar plantas con raíces. Esperamos que a próxima vez que nos acerquemos ao Mosteiro vexamos como medraron as nosas plantiñas de buxo.
La AAMSC quere agradecer ao CPI As Mirandas de Ares, a súa contribución coa realización de esta actividade ,á difusión do coñecemento  e mantemento do BIC ( Ben de Interés Cultural ) do Mosteiro de Santa Catalina, principal obxectivo da nosa  asociación.
Celsa Formoso .  Asociación de amigos do Mosteiro de Santa Catalina

Aquí deixamos un pequeno vídeo da xornada

domingo, 25 de marzo de 2018

FÁLAME DA EMIGRACIÓN: DIÁLOGO INTERXENERACIONAL COS NOSOS MAIORES



Por terceiro ano consecutivo o noso centro  está a participar  no programa «Fálame da emigración», de Afundación (Fundación Galicia Obra Social), un encontro interxeracional entre maiores e estudantes no que os maiores e alumnas e alumnos dialogan sobre vivencias na emigración. Este  proxecto ten tres obxectivos fundamentais: que as persoas maiores transmitan os seus coñecementos e experiencia, que o noso alumnado se beneficie do legado das persoas maiores e que a comunidade educativa incorpore novas modalidades de aprendizaxe favorecendo en todos os casos o diálogo, a cooperación e o entendemento entre as distintas xeracións.
Neste encontro tivemos con nós a Sara, Ezequiel e Carmen que compartiron con todos nós as súas experiencias en Suiza, Canadá e Arxentina. No segundo encontro que teremos con eles, que será á volta das vacacións, rapaces e rapazas de 2º ESO tras investigar sobre a historia de vida das súas propias familias, relatarán tamén as súas relacións coa emigración e xuntos reflexionarán sobre as diferentes motivacións para emigrar, as dificultades e os aspectos positivos ou as diferenzas coa inmigración en Galicia.

Neste vídeo podedes ver un extracto deste primeiro encontro

jueves, 22 de marzo de 2018

CHARLA DO XORNALISTA ERNESTO SÁNCHEZ POMBO SOBRE OS VALORES DA COMUNICACIÓN


O xornalista e colaborador de La Voz de Galicia, Ernesto Sánchez Pombo, imparte unha charla centrada nos valores da comunicación e do xornalismo no CPI As Mirandas

O alumnado de 4º de ESO do CPI As Mirandas, de Ares, participou na charla que impartiu o xornalista e colaborador do Grupo Voz, Ernesto Sánchez Pombo, na mañá deste xoves 22 de marzo. Co título « O mellor oficio do mundo », frase empregada no seu día polo escritor colombiano Gabriel García Márquez, e mediante o emprego de imaxes impactantes extraídas dos medios de comunicación, nomeadamente xornais e revistas, o xornalista foi narrando ao alumnado a evolución e os cambios acontecidos no mundo da comunicación e do xornalismo ao longo da historia. Durante a súa intervención centrouse principalmente no que vén acontecendo no último século en España. Ademais explicoulles aos alumnos o papel da censura na época da Ditadura, así como a que moitas veces aparece nos medios de comunicación modernos, « en ocasións por presións dos gobernos de todo o mundo que pretenden impoñer o seu criterio por riba da obxectividade que queremos ofrecer os xornalistas », remarcou Ernesto S. Pombo, que tamén engadiu que « a obxectividade pola que loitamos os xornalistas é sinónimo de democracia ». Tamén sinalou as dificultades que teñen os xornalistas para desenvolver o seu labor, así como outras opcións que escollen os máis novos para informarse, principalmente as redes sociais, que están « cheas de novas falsas e sen fundamento ». A charla, cunha duración de hora e media e que estivo acompañada dun coloquio final co alumnado, finalizou coa proxección de cabeceiras e titulares que contiñan erros lingüísticos e de contido.







miércoles, 21 de marzo de 2018

OBRADOIRO SOBRE AS VELUTINAS .COLABORACIÓN CPI AS MIRANDAS-CONCELLO DE ARES


O persoal da brigada municipal do noso concello, encargada do control e eliminación dos niños das avespas velutinas, deu un obradoiro no noso cole para o alumnado de 1º ESO e 5º e 6º de primaria.


Neste obradoiro tentaron concienciar ao alumnado sobre as consecuencias da invasión da velutina e como axudar a evitar a propagación da especie. Puidemos ver algunhas velutinas (mortas, por suposto!) e os seus niños, así como descubrir o impacto que ten a súa actuación sobre a poboación: os seus enormes niños conteñen gran cantidade de avespas  que representan un enorme risco para calquera que interactue con elas ademais do grave impacto que provocan no medio ambiente sobre todo nas abellas, presas favoritas delas, xa que ao matalas impiden a labor de polinización que estas practican, imprescindible na natureza.
Logo da charla os alumnos/as elaboraron cada súa trampa e recibiron orientacións para súa ubicación e o seu seguimento.
 Grazas a Agustín e Carlos por todo o que nos ensinaron.

En breve achegarémonos á contorna do Mosteiro de Santa Catalina de Montefaro para colocar algunhas das trampas que fabricamos no noso cole.



VII EDICIÓN DE "O PREGUNTÓN" METEOESCOLAS


 Ola amigos e amigas "preguntóns", xa estamos de novo de volta co noso concurso estrela. Pero este ano cunha temática superchula relacionada co Proxecto Meteoescolas, isto quere dicir que as preguntas, adiviñas, enigmas que proporemos estarán ligadas a esta temática.

E falando da temática, aquí vos presento á nosa mascota, un polbiño moi galego que por certo, estamos a poñerlle nome. Para iso, queremos contar coa vosa colaboración. Que como o podedes facer?, pois moi sinxelo: na entrada de primaria poderedes encontrar unha urna na que podedes deixar o nome que vos gustaría para a nosa mascota. Tedes de prazo ata o venres 23 de marzo que é o Día Internacional da Meteoroloxía. Logo,  de entre todos os nomes propostos elixiremos tres e,  a volta de vacacións de Semana Santa,  poderedes votar o que máis vos guste deses tres.
Tamén á volta das vacacións poderedes facer a vosa inscrición no concurso. Ide buscando xa a vosa parella e o nome do voso grupo, xa que a data para inscribirvos remata o 6 de abril e o Preguntón comeza o 9 de abril. De tódolos xeitos aquí vos deixamos as bases do concurso para que lles votedes unha ollada.

Vamos... animádevos a participar!!!!!. Xa comeza a conta atrás......



jueves, 15 de marzo de 2018

A DEPORTISTA VERÓNICA BOQUETE ENCANTADA CO NOSO VÍDEO SOBRE A SÚA VIDA


Que pasada!!!. Os vídeos que realizamos para o Día da Muller co título “Mulleres que fixeron historia” percorren o mundo e chegan a China. Verónica Boquete a xogadora de fútbol galega que neste momento atópase no Beijing Bg da Superliga China, partillou o vídeo que fixemos no cole e que magnificamente interpretou Mariña de 6º de primaria xunto cos seus compañeir@s.

Aquí vos deixamos a captura de pantalla do tweet que Verónica enviou a Mariña.




X EDICIÓN DO CONCURSO DE COCA COLA NOVOS TALENTOS DE RELATO CURTO


O pasado venres 9 de marzo, como vén sendo habitual desde hai xa algúns anos, dous alumnos do noso centro participaron na X edición do concurso de Coca Cola Novos talentos, relato curto.
Este curso, Iker e Uxía, de 2º ESO, asistiron á Facultade de Filoloxía d´A Coruña para realizaren a proba. Logo dunha breve presentación na Aula Magna da facultade, entregáronselles a cada un dos 100 participantes da zona de Ferrol e A Coruña os estímulos para procurar a inspiración no proceso de creación. Este curso, os estímulos foron un “encerado” e a frase escrita nel: “Profe: pasaporte ao futuro”, como homenaxe á docencia ao longo da historia deste concurso.
A partir deste momento os rapaces e rapazas comezan o seu relato deixando voar a súa imaxinación durante dúas horas.

Desexámoslles moita sorte aos nosos participantes!!!




lunes, 12 de marzo de 2018

REINVENTEMOS XUNT@S UNHA ESCOLA PARA TOD@S. 34 CONCURSO ESCOLAR ONCE


Baixo o lema “Reinventemos xunt@s unha escola para tod@s” os alumnos e alumnas do CPI As Mirandas de Ares e do CPI Plurilingüe Virxe da Cela de Monfero, uniron esforzos para elaborar e realizar  unha serie de vídeos para o Concurso Escolar Once.  Con esta proposta a Fundación ONCE pretende sensibilizar aos alumnos/as, pais e nais, profesores e profesoras e a todo o resto da sociedade sobre a importancia de crear unha escola na que todo o mundo teña un oco e un lugar, dunha forma dinámica e en equipo, unindo as nosas forzas e ideas para construila xuntos.

Aquí podedes ver os videos realizados e presentados ao concurso escolar. Parabéns aos rapaces e rapazas dos dous centros polos guións que realizaron.


1º ESO. CPI AS MIRANDAS
          

ESO. 2º A. CPI AS MIRANDAS
            

3º ESO. CPI AS MIRANDAS
          

1º ESO. CPI Plurilingüe Virxe da Cela


3º ESO CPI Plurilingüe Virxe da Cela




HOMENAXE AS MULLERES

          

Podedes ver a curta documental se premedes na seguinte imaxe ou no enlace que está debaixo


                                           https://player.vimeo.com/video/248783285

Emotiva homenaxe ás mulleres, o que vivimos o venres 9 de marzo na proxección do documental “Marea de Mulleres”, audiovisual realizado polo alumnado de 4º de ESO do CPI As Mirandas no proxecto “Vidas Mariñeiras” que levamos a termo no primeiro trimestre.
Dende aquí queremos dar os nosos  parabéns  as homenaxeadas, que non son máis que a representación de todas as mulleres que loitaron e loitan co seu traballo, moitas veces calado e non recoñecido, por sacar adiante a familia, aos fillos, a vida... e que loitaron por labrarnos un futuro e tanto traballaron por nós. 
Dentro das actividades que levamos a termo polo Día da Muller,  as alumnas e alumnos do centro escolar en colaboración co Concello quixeron dedicarlle este acto. Só quero subliñar as verbas coas que remata o documental, escritas por Verónica de 4º ESO: 

 “Intemporais, como as ondas do mar que se moven coas mareas,en silencio, mais sen perder forza, sen descanso e sen queixa, constantes, inesgotables e experimentadas, agochando unha chea de ventos e correntes, as súas historias. Moito cambiou dende que botaron a andar, pero o delas segue sendo o noso ronsel, un camiño das mulleres e da terra, un camiño noso, no mar”. 
“Dedicado a todas aquelas que co seu traballo loitaron polos nosos dereitos e liberdades”.

Non quero rematar estas liñas sen dar a en hora boa a todas as alumnas e alumnos de 4º polo seu incansable e bo traballo tanto na realización do documental, como no acto. Impecables tod@s: dende as presentadoras, á lectora do discurso, os músicos, as rapazas que acompañaron en todo momento ás  mulleres homenaxeadas, a fotógrafa, o realizador do vídeo... 
Grazas tamén a Anxo (profe de galego) pola súa implicación neste proxecto que, pola  parte que me toca, penso que non podería ser posible sen el.
                                                                                                                               Yolanda Castro.  EDLG




Vídeo do acto

miércoles, 7 de marzo de 2018

MULLERES QUE FIXERON HISTORIA


Despois do acto de mobilización pola rúa que realizamos onte, seguimos conmemorando o Día da muller con diversas actividades entre as que destaca a realización dos mini documentais  titulados “Mulleres que fixeron historia”.  A través das distintas materias  os alumn@s  investigaron a vida e obra de mulleres que despuntaron en múltiples disciplinas e que en moitos casos o seu traballo nunca tivo o recoñecemento que se merecía.  Científicas, literatas, deportistas, artistas, inventoras, matemáticas, aventureiras… aparecen nestes traballos audiovisuais que realizaron os rapaces e rapazas dos cursos de ESO e 5º e 6º de primaria.
A través deles poderedes descubrir a fascinante vida desas mulleres que a maioría das veces, tiveron que derrubar muros para chegar a alcanzar as súas metas.

Traballo realizado polos alumnos/as de 1º ESO na materia de Lingua galega
Pioneiras galegas

        

               Traballo realizado pol@s alumn@s de 6º A de primaria
Verónica Boquete, xogadora de fútbol


            

Traballo realizado pol@s alumn@s de 5º B de primaria
Sara Baras, bailaora





Traballo realizado pol@s alumn@s de 6º B de primaria
Amelia Earhart, aviadora

 


Traballo realizado pol@s alumn@s de 5º A de primaria
Chus Lago, alpinista



Traballo realizado pol@s alumn@s de 4º ESO B na materia de matemáticas.
Sophie Germain, matemática

         

lunes, 5 de marzo de 2018

ACTO NA RÚA POLO DÍA DA MULLER

O CPI As Mirandas. xunto co Concello de Ares a través do Centro de Información á Muller CIM) e a Concellaría de Muller, organizamos  diversas actividades co gallo da celebración do Día Internacional Da Muller. A primeira delas tivo lugar esta tarde a través dunha mobilibización polas rúas da vila como concienciación e visibilización das enormes diferenzas que existen aínda nos dereitos de mulleres e homes. Na marcha participaron os estudantes do CPI As Mirandas xunto cos seus profesores e directora así como as asociacións de mulleres do municipio e os representantes das distintas concellerias, nas que se encontraban representantes do CIM (Centro de Información á Muller, concelleria da muller e de cultura e o alcalde. 
 A marcha rematou na praza da Constitución cun manifesto que realizaron os alumn@s do CPI As Mirandas e finalizamos cunha canción de SES, “Tempestades de sal”.

 O longo desta semana iranse sucedendo diversos actos, tanto no centro educativo como no concello, entre os que destaca o venres 9 de marzo a "Homenaxe as mulleres" que os alumn@s de 4º ESO están a preparar, acto no que se proxectará o documental Marea de Mulleres, realizado por eles.





domingo, 4 de marzo de 2018

VIAXANDO A CROACIA

Cinco dos nosos alumn@s de 4º ESO, Álvaro, Verónica, Borja, Sara e Icia teñen a sorte de viaxar 10 días a Croacia con Romy, a nosa auxiliar de conversa. Unha unha viaxe na que poderán ademais de mellorar o seu inglés, compartir experiencias con xóvenes de outros países. Esperemos que á volta da viaxe nos conten todo o vivido nesa gran experiencia. Terémosvos informados.


https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ferrol/2018/03/03/nueva-york-alumnos-competitivos-existe/0003_201803F3C7991.htm