viernes, 23 de febrero de 2018

CELEBRANDO A ROSALÍA, 24 FEBREIRO 2018

O sábado 24 de febreiro lembramos a figura da nosa poeta máis universal, Rosalía de Castro. Por iso, para expandir o poder da súa palabra, o alumnado de 3º de ESO, vencellando lectura e competencia dixital, realizou un pequeno vídeo coa lectura dun texto de Ledicia Costas no que reivindica a Rosalía como a muller que, adiantada ao seu tempo, mobiliza a nosa conciencia colectiva, galega e universal, esa muller que fala tamén para a mocidade do século XXI transmitíndonos a través da súa obra  a rebeldía dos seus versos desde o presente. Un homenaxe que pretende mostrar  á muller, á escritora, á irredutible, á voz que fascina coa súa luz por onde pasa e que moitas veces está aínda por descubrir. 


sábado, 10 de febrero de 2018

ENTROIDO NO CPI AS MIRANDAS

Este ano o Entroido vestiuse coa cor do noso proxecto de centro que é “Dende Ares cara ao mar”, en todas as súas vertentes e posibilidades. Así na variedade de disfraces que desfilaron polas nosas rúas non faltaron peixes de todas clases e cores, polbiños, medusas, baleas, ricos percebes, mariñeiros e peixeiras,as temidas cicloxéneses que fan que o mar semelle un mosntruo mariño, naúfragos e piratas, Neptuno e ata a mesmísima “Serea das Mirandas” acompañada do seu séquito de sereíñas. E, aínda que o tempo non era o mellor para saír polas rúas, sorteamos as súas inclemencias e puidemos rematar o percorrido pola vila.
Logo os nenos e nenas de infantil e primaria degustaron, ao son da música, as ricas lambetadas de Entroido. Pola súa banda, os de secundaria, remataron cunha lúdica sesión de karaoke onde amosaron as súas dotes interpretativas, sobresaíndo a divertida interpretación de Vanesa (profe de PT) e Anxo (profe de galego) coa canción “Olvídame y pega la vuelta”.
Grazas a tod@s polo voso esforzo á hora de preparar esta xornada de Entroido que é máis que unha simple xornada, son días de preparativos fora incluso das horas lectivas para confeccionar os disfraces e todo o que rodea o Entroido.
Agora a gozar destas mini vacacións.

Aquí deixamos unhas reportaxes da xornada que iremos completando a medida que nos vaian pasando as fotos.





jueves, 8 de febrero de 2018

O TEMPO DA FIN DE SEMANA DE ENTROIDO, POR VALERIA

Valeria danos a previsión do tempo de cara a esta fin de semana de Entroido.

     

martes, 6 de febrero de 2018

NOVA EDICIÓN DO FESTIVAL AUDIOVISUAL OLLOBOI

Ábrese o prazo para participar en Olloboi! Desde hoxe e ata o 30 de abril alumnado e profesorado pode inscribir as súas curtas escolares en Olloboi.com. Estreamos páxina web e nela atópase, ademais do formulario e bases desta edición, as curtas gañadoras de cursos pasados e interesantes recursos para elaborar unha peza (actividades e charlas con profesionais en Aprendo con Olloboi, das que avanzamos unha pequena píldora co Olloconsello de Miguel de Lira). Hai recoñecemento á mellor curta de Infantil e Primaria (categoría Peque), e á mellor de Ensino Superior (Plus18). Ademais, o noso Xurado outorgará premios á mellor montaxe, interpretación, fotografía, guión, son e arte. A entrega de premios terá lugar o venres 11 de maio dentro dos actos do Encontro Olloboi. Inscríbete xa na nosa web! Enviaremos máis información sobre o Encontro en vindeiras comunicacións. Así que... a divertirse, crear e compartir!


AS IMAXES DO PATRIMONIO: CERTAME DE RECOLLA DE IMAXES

      O Patrimonio Cultural Inmaterial está constituído, segundo a UNESCO, polas tradicións orais, as artes do espectáculo, os usos sociais, rituais, actos festivos, coñecementos e prácticas relativas á natureza e ao universo e os saberes e técnicas vinculados á artesanía tradicional”. Dende principios do século XX, este conxunto de expresións, herdadas do pasado e transmitidas de forma oral, atoparon na fotografía un valioso rexistro documental e moitas foron as imaxes que se tomaron das expresións culturais espalladas ao longo da Eurorrexión Galicia e Norte de Portugal.
     A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! leva moitos anos defendendo a recuperación e transmisión do Patrimonio Cultural Inmaterial común en Galicia e no Norte de Portugal. Unha forma de divulgalo é incorporalo ás programacións educativas e presentarllo ás escolas como material que poida ser utilizado na súa dinámica de traballo. Ponte...nas ondas! pretende, con esta iniciativa, que se recuperen e difundan fotografías antigas con valor patrimonial para que poidan ser usadas no ámbito escolar e seren coñecidas polo público en xeral. Para esta actividade será imprescindible a colaboración das familias do alumnado, así como, do profesorado dos centros educativos.