viernes, 21 de diciembre de 2018

CARREIRA SOLIDARIA NO CPI AS MIRANDAS

No  CPI As Mirandas de Ares organizamos este xoves a oitava edición da carreira quilómetros de solidariedade. Unha xornada na que o tempo deunos unha tregua para poder desenvolver a carreira e na que no transcurso da mesma, gardouse un minuto de silencio en repulsa polo asasinato machista da profesora Laura Luelmo.
Un ano máis, a nosa querida atleta Paula Mayobre,xa madriña de oficio, acompañounos durante toda a xornada.
Desde o noso centro queremos amosar o noso agradecemento a todo o alumnado, pais, nais e profesores pola participación e implicación na carreira solidaria así como agradecer a  GADIS, Deportes MARVI, La Frutería de Mari, Floristería REAL, e ao Concello de Ares a súa inestimable colaboración.
Aquí deixamos os vídeos da xornada.

ESO



INFANTIL E PRIMARIA



miércoles, 19 de diciembre de 2018

OPERACIÓN QUILO 2018

Hoxe fixemos entrega das doazóns feitas na Campaña Operación Quilo 2018. Grazas a todos e todas, familias, alumnado, profesorado e comunidade educativa en xeral pola vosa aportación e apoio na Campaña de recollida de alimentos para axudar ás institucións de “Cáritas” e “Cociña Económica”.



jueves, 6 de diciembre de 2018

OS NOSOS/AS ERASMUS+ NA PRENSA DE HOXE

PODEDES PREMER NA IMAXE PARA VER A NOTICIA

domingo, 2 de diciembre de 2018

I XORNADAS DE PRIMEIROS AUXILIOS E RCP NA AULA


A pasada semana finalizaban no noso centro as I Xornadas de Primeiros Auxilios e RCP na Aula con actividades dirixidas a toda a comunidade educativa. Ao longo da semana realizáronse actividades de formación para o alumnado, obradoiros para o profesorado e charlas para as familias, todas elas impartidas por persoal sanitario e profesorado do centro.
Organizadas conxuntamente polo equipo directivo e o departamento de Educación Física, a finalidade destas xornadas é a de adquirir os coñecementos básicos para actuar ante situacións de emerxencia que se podan traducir tanto no ámbito educativo coma extraescolar.

viernes, 30 de noviembre de 2018

ALUMNADO DE 1º E 3º DA ESO FAN CAMPAÑA DE SENSIBILIZACIÓN PARA RECICLAR


Este curso o noso centro está inscrito no Concurso PILABOT, para fomentar a recollida de pilas e acumuladores portátiles entre toda a Comunidade Educativa. Así alumnado de 3º e 1º de ESO estiveron a facer Campaña de Sensibilización en todos os cursos co propósito de concienciar e fomentar a reciclaxe. Todos os nenos e nenas recibiron información sobre a campaña e levaron para a súa casa unha pequena caixa contedora para recoller as pilas e acumuladores usados. Animamos a todos a colaborar coa reciclaxe xa que necesítase a colaboración de toda a sociedade.

Para que as túas pilas usadas poidan ser recicladas, é preciso:
  1. Realizar unha recollida selectiva dentro do fogar, apartando as pilas do resto de residuos.
  2. Levar as pilas usadas a un contedor especial que podemos atopar no noso centro educativo, centros públicos como o Concello, comercios ou puntos limpos.
  O QUE NON DEBEMOS FACER
Nunca debemos tirar as pilas usadas co resto do lixo ou, o que é aínda peor, arroxalas sen control.

Neste enlace  http://pilabot.gal/recicla-con-enerxia/ podedes informarvos de cousas moi interesantes sobre: que é unha pila,como funciona,que facer coas pilas usadas, en que consiste o proceso de reciclaxe e moitas cousas máis.

Aquí vemos aos alumnos e alumas de 1º e 3º de ESO facendo a Campaña de Sensibilización.



V CAMPIONATO GALEGO DE FORMACIÓN PROFESIONAL GALICIASKILLS 2018


O xoves 29 de novembro, o alumnado de 4º de ESO acudiu ao V Campionato Galego de Formación Profesional Galiciaskills 2018 en Silleda, no recinto Feira Internacional de Galicia Abanca, organizado pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. Esta actividade ten como finalidade  darlle unha maior proxección e difusión á formación profesional que se imparte na nosa Comunidade Autónoma.O evento convértese así nun valioso instrumento divulgativo da Formación Profesional e un medio para estimular ao alumnado, ao profesorado e as empresas. Supón tamén unha plataforma inigualable de intercambio e foro de debate sobre a evolución dos estándares profesionais, a calidade e a innovación nos diferentes sectores produtivos.




lunes, 26 de noviembre de 2018

ALUMNOS/AS DO CPI AS MIRANDAS NO PROGRAMA INTERNACIONAL ERASMUS+ EN CROACIA


Cinco dos nosos alumn@s de 4º e 3º de  ESO, Marta, Pablo, Martín, Jéssica e Lucas teñen a sorte de viaxar 10 días a Croacia con Romy, a nosa auxiliar de conversa. Unha unha viaxe na que poderán ademais de mellorar o seu inglés, compartir experiencias con rapaces e rapazas de outros países para desenvolver un PROXECTO DE INTERCAMBIO DE XENTE NOVA co Nome: “Let Me Think About It” , co obxectivo principal de espertar a conciencia do pensamento crítico na sociedade actual.
Esperemos que á volta da viaxe nos conten todo o vivido nesa gran experiencia!!!.






Se te estás preguntando que están a facer os nosos mozos e mozas nos últimos 2 días no intercambio de mozos " Ecoactive" de Erasmus+ en Croacia, non deixes de ver este pequeno resumo.

FALLADOS OS PREMIOS DO II CONCURSO DE FOTOGRAFÍA XUVENIL CONCELLO DE ARES

O venres 23 de novembro no salón de actos da  Biblioteca do Concello  foron entregados os diplomas e premios do II Concurso de fotografía xuvenil Concello de Ares, imaxes que ilustrarán o calendario municipal do 2019.
Moitas grazas a todos e todas as participantes, ao cole por colaborar e fomentar a participación e ao xurado que non o tivo nada fácil ( Manuel Pueyo, Anxo Fernández e Mila Campos)
Parabens  aos gañadores/as.






jueves, 22 de noviembre de 2018

SESIÓN DE CONTACONTOS PARA CONMEMORAR O DÍA INTERNACIONAL DOS DEREITOS DA INFANCIA


Esta semana para conmemorar o Día Internacional dos Dereitos da Infancia os alumnos e alumnas de 4º e 3º de ESO realizaron unha actividade de contacontos para o alumnado de primaria.
A través do conto “Na procura dun mundo marabilloso”, ilustrado pola nosa ex-alumna Ana Martínez Fernández,  descubrimos á importancia que ten que todos os nenos e nenas do mundo teñan dereitos que garantan o seu crecemento tanto físico como psíquico; dereitos tan básicos como a educación, a sanidade, a igualdade de oportunidades...e que, en moitos lugares do mundo, non se cumpren.
Trala sesión os nenos e nenas participaron nun pasapalabra no que demostraron que estiveron moi atentos ao conto e ás explicacións dos rapaces e rapazas da ESO.
Ao rematar o acto, todos foron agasallados cun marcapáxinas, realizado polos mozos e mozas da ESO, no que estaban reflectidos os dereitos dos nenos e nenas.
Grazas a todos pola vosa participación!!!


Esta é unha proposta do Equipo de Dinamización Lingüística, o Departamento de Relixión e a Biblioteca Escolar.

miércoles, 21 de noviembre de 2018

25 DE NOVEMBRO, DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO


Co gallo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero que se celebra o 25 de novembro, o  alumnado dos centros escolares CPI As Mirandas de Ares e CPI Plurilingüe Virxe da Cela de Monfero, realizaron un vídeo para visibilizar e sensibilizar á comunidade educativa e a toda a  sociedade en xeral, sobre esta data.
Desde os nosos centros adherímonos pois, a todas aquelas iniciativas que suman esforzos e solucións á erradicación da violencia de xénero, na loita contra os malos tratos e no apoio ás vítimas e as súas familias. Apoiamos ás accións que tratan de concienciar ao tecido social e a todas as actividades educativas baseadas na formación en valores para que a sociedade avance no camiño da igualdade, no benestar común e a convivencia que todas e todos queremos.

   
                   




martes, 13 de noviembre de 2018

OBRADOIRO MUSICAL DA ESCOLA DE MÚSICA LAURA MORGADE

O xoves 8 de novembro tivemos un obradoiro musical a cargo de Laura Morgade e os seus alumnos/as da escola de música. Durante toda a mañá os nenos e nenas de infantil e primaria poideron gozar coas interpretacións, tanto musicais como coreográficas, destes pequenos que están a aprender e descubrir ese linguaxe universal que é a música.
 A continuación tedes un pequeno vídeo da xornada e máis abaixo o programa do acto e   as  pezas que os nenos e nenas interpretaron.




  A MÚSICA É UNHA LINGUAXE UNIVERSAL
I. Desde o estético-expresivo nos nen@s cara a  interpretación musical.

1.Cantos infantís en tres idiomas, coa participación dos máis pequenos de tres a cinco anos.
En Inglés: con Mely
En francés: con Laura
Sensibilizando aos alumn@s de cara a  que en linguas úsase acompañamento ao piano.  
2.Xogos musicais "os sons ou voces graves e agudos"

3.Conto: "Ao país do ritmo" para entender mellor as figuras das notas musicais e como se inventaron as primeiras melodías.

4.Pequenas variacións de Mozart interpretadas ao piano por Laura e acompañadas por Mely.

II. 1º a 6º de Primaria
Os valores da amizade
Acompañamento ao piano por Laura presentando a Escola de música e recibindo aos profesores ealumnos:
Nocturno de Chopin (da película “El pianista) y "Murmures".

1.Canto "Toy story" en tres idiomas con sinxelas coreografías e acompañamento ao piano, por Laura.
2.Conto musical "O principiño" de Antoine de  St Exupéry, o capítulo sobre os valores da amizade.
Acompañamento ao piano polos alumn@s da escola de música de Laura. Pequenas coreografías.
3.Obras interpretadas ao piano, polos alumnos da escola de música.
Sofía e Juan: It's small world W.Disney
Adrian: "Punch and judy."
Martina e Juan: Vals anónimo.
Aroa: "Pink parasol", Andante de Mozart
Candela: Bella durmiente deTchaikovsky
Eli: Allegretto C. Czerny, Minuet Bach.
Juan: Alegretto. Landler Haydn
Sofía: Musette. Ecossaise Beethoven.

viernes, 9 de noviembre de 2018

II CERTAME DE NARRACIÓN HISTÓRICA

Poñemos á vosa disposición as bases do II Certame de Narración Histórica do CEIP López Ferreiro de Santiago de Compostela. O obxectivo deste exitoso concurso de relatos é recrear a historia e intrahistoria de Galicia a partir da investigación sobre sucesos, personaxes ?reais ou lendarios-, datas, monumentos? que foron determinantes no devir histórico da nosa comunidade desde a antigüidade ata o s. XX. A convocatoria está aberta ao alumnado de 5.º e 6.º de EP e de 1.º e 2.º de ESO de todos os centros educativos galegos.

SIMPOSIO MARÍA VICTORIA MORENO


CONCURSO-EXPOSICIÓN LETRAS GALEGAS 2019

A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) publicou onte, 30 de outubro, a convocatoria do Concurso-Exposición sobre Antón Fraguas Fraguas, o autor escollido pola RAG para celebrar o Día das Letras Galegas do ano 2019. O prazo de presentación dos traballos remata o día 22 de xaneiro de 2019. O profesorado participante neste concurso recibirá unha certificación de premio de innovación educativa (20 horas de formación permanente para o profesorado e 30 para o coordinador ou coordinadora).

jueves, 25 de octubre de 2018

GALA ENTREGA PREMIOS DO CONCURSO "CANTAMOS COAS MANS".FAXPG

Hoxe tivemos o luxo de poder actuar con SES na Gala de entrega dos premios “ Cantamos coas Mans”, organizados pola FAXPG (Federación da Asociación de Persoas Xordas de Galicia). Un acto moi emotivo sobre todo polo que significa, que estas rapazas e rapaces poidan transmitir e comunicarse na lingua de signos. Como be dixo  o presidente da FAXPG, non só existe o galego, español ou inglés, e si todos aprenderamos un pouquiño sería máis doado para o colectivo de persoas xordas a comunicación con todos. Parabéns a todos os coles participantes e aos seus profes e intérpretes de lingua de signos pola labor que están a facer non só coas persoas xordas senón coas que non o son. En especial a nosa querida Luisa Lombardero pola inestimable implicación a prol da inclusión no noso cole.




lunes, 15 de octubre de 2018

"CLUB XOVE":PRESENTACIÓN A CARGO DE ÁLVARO, VERÓNICA E NDEYE ATA

Hoxe os nosos ex-alumn@s Álvaro, Verónica e Ndeye Ata estiveron no noso cole presentando o  proxecto “Club Xove”, unha iniciativa que partíu destes rapaces despois de que  participaran no Erasmus + xuvenil , un proxecto financiado pola Unión Europea e que os levou a Croacia e Lituania onde puideron aprender e traballar, xunto con mozos doutros países,  a intelixencia emocional, a motivación, a empatía, o liderado, o voluntariado e todo o relacionado coas habilidades sociais, e que transmitiron impecablemente aos rapaces e rapazas de 3º e 4º de ESO.
Tamén explicaron de qué forma todos os alí presentes podían solicitar, acceder e sumarse a estes proxectos europeos que, en palabras de Verónica, resúmese principalmente en ter MOTIVACIÓN.
E precisamente, esa motivación, é a que os levou a presentar  este proxecto de creación dun “Club Xove” para todos os rapaces e rapazas de Ares e contorna, proxecto no que colabora o Concello de Ares.  A través del, todos os  mozos/as poderán aprender sobre educación non formal, voluntariado, intelixencia emocional e optar a oportunidades educativas na UE, ademais doutras moitas actividades que se realizarán.
Moitas grazas aos tres por esta magnífica iniciativa e animamos a todos  os mozos/as que teñades entre 13 e 18 anos a sumarvos ao Club Xove.




ANTÓN FRAGUAS

Tedes á vosa disposición unha unidade didáctica dirixida ao alumnado de educación primaria que ten como finalidade divulgar a figura de Antón Fraguas Fraguas, o autor homenaxeado o Día das Letras Galegas 2019.

DOMINGO FONTÁN E A CARTA XEOMÉTRICA DE GALICIA

A Secretaría Xeral de Política Lingüística, en colaboración co Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega de Ciencias, acaba de presentar unha unidade didáctica sobre Domingo Fontán. Será moi útil para dar a coñecer a figura deste matemático e científico galego e comprender a importancia da súa obra, na que destaca a Carta Xeométrica de Galicia. 

jueves, 11 de octubre de 2018

10 DE OUTUBRO: DÍA MUNDIAL DA SAÚDE MENTAL

Onte, día 10 de outubro conmemorouse o día da Saúde Mental e hoxe, xoves 11 outubro, no noso centro, realizamos unha actividade coa finalidade de visibilizar, normalizar e favorecer a inclusión activa das persoas que padecen enfermidades mentais. Poñernos no seu lugar, favorecendo o desenvolvemento da empatía, consideramos que é a mellor maneira de comprender os problemas que carrexan a ampla variedade de  trastornos mentais.
A actividade consistíu na participación do alumnado de 1º e 2º de ESO nunha xincana, composta por seis actividades de xogos populares, coa finalidade de coñecer de cerca as características, comportamentos e situacións que viven diariamente a persoas con problemas de saúde mental.
O obxectivo desta actividade vai dirixido a combater a discriminación por medio da inclusión activa, utilizando actividades lúdicas que permitan romper cos estereotipos, falsos mitos e  etiquetas existentes sobre as persoas que presentan problemas de saúde mental. Ademais favorecerase o desenvolvemento da autonomía, do compañeirismo, da cooperación e da empatía, creando  interese e resolvendo dúbidas que poidan xurdir no alumnado adolescente.

viernes, 5 de octubre de 2018

IX DÍA DA CIENCIA EN GALEGO: A CULTURA CIENTÍFICA E A CULTURA GALEGA

O título da temática deste ano no Día da Ciencia en Galego vai ser A cultura científica e a cultura galega como patrimonio cultural europeo. A UE declarou o ano 2018 como o Ano do Patrimonio Cultural Europeo e nos os celebramos así.

jueves, 4 de octubre de 2018

FOTOGRAFIANDO A NOSA CONTORNA

Hoxe realizamos unha saída pola nosa vila para plasmar coas nosas cámaras e dispositivos móbiles algúns espazos da nosa contorna. En breve daremos máis datos sobre este proxecto que terá como produto final unha estupenda exposición fotográfica. Desde aquí queremos invitar a todo o alumnado a que siga quitando e aportando fotografías de todos os lugares do noso concello: Ares, Redes, Lubre, Cervás, Chanteiro.... Temos moito que amosar  en todos os ámbitos e a vosa perspectiva é fundamental.
Recordade tamén que o prazo para presentar as vosas fotografías ao II Concurso de Fotografía Xuvenil que organiza o noso concello remata o 31 de outubro.

Aquí deixamos un pequeno video do noso percorrido fotográfico de hoxe por Ares.

             

martes, 25 de septiembre de 2018

II CONCURSO DE FOTOGRAFÍA XUVENIL CONCELLO DE ARES







ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR!!!!!! 

 O Concello de Ares a través da súa concellería de cultura e da OMIX de Ares organiza o
II Concurso de Fotografía Xuvenil do noso concello, do que sairán as  fotografías que se incorporarán ao calendario municipal do ano 2019 que se distribúe entre toda a veciñanza e comarca.
O obxectivo deste concurso é convidar á xuventude a utilizar a nosa contorna como contexto onde recoñecer a súa herdanza a través das imaxes, despertanto  a capacidade de observar todo o que lles rodea e recoñecerse en pequenas historias e/ou paisaxes que dean conta do seu vencellamento como memoria colectiva desta vila. En concreto, invítase a fotografiar espazos, lugares, obxectos, actos e situacións da nosa contorna que consideren parte da súa identidade.

Quen pode participar?: Xente nova de 8 a 18 anos empadroada en Ares.

Cómo participar?:  
Poderanse enviar un máximo de dúas fotografías en formato dixital e sen retocar ao enderezo electrónico: concursofotografia@concellodeares.com. Xunto ás fotografías remitirase o formulario de solicitude de participación e de identificación das fotografías cubertos, asinados e escaneados.
Prazo de entrega:  Dende o  1 de outubro ata o 31 de outubro ás 19:30h ( ambos inclusive)
Premios:
 a.- As fotografías gañadoras  pasarán a formar parte do calendario do Concello para o ano 2019 que se reparte por todo o municipio, identificando aos autores daquelas.
 b.- Categoría A : 50 €  Categoría B : lote de libros
ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR!!!!!!
                      De tódolos xeitos aquí deixamos as bases completas do concurso.

BASES DO CONCURSO

viernes, 7 de septiembre de 2018

jueves, 21 de junio de 2018

REMATAMOS O CURSO. FELICES VACACIÓNS!!!!!

Nun acto conxunto o alumnado do noso centro rematou o curso escolar coa entrega de diplomas e agasallos por todas as actividades feitas ao longo do curso: O Preguntón, Premios da Semana Problemática de matemáticas, axedrez, Concurso ComunicaTedu, Concurso de lingua de signos “cantando coas mans”, premios da biblioteca, diplomas de economía….
Para finalizar rematamos cunha fermosa coreografía realizada polas alumnas de 1º de ESO.
Agora chega o momento de descansar e gozar dun merecido descanso.
Parabéns a todos e todas por todo o traballo realizado durante este curso escolar. 

                                                 FELICES VACACIÓNS!!!






miércoles, 20 de junio de 2018

DESPEDIDA DA PROMOCIÓN 2017-2018 NO CPI AS MIRANDAS

Hoxe nun  emotivo acto,  entre melancólico e alborozado, despedimos aos nosos  alumnos e alumnas de 4º de ESO. Unha mestura de satisfacción polo deber cumprido, por uns e por outros, e de tristeza polo que supón de despedida entrañable tras tantos anos de convivencia como membros do CPI As Mirandas. Rapazas e rapaces que pasaron a meirande partes das súas vidas compartindo aula, compañeiros, profesores e cargados de centos de recordos.
 Desexámoslles a tod@s moita sorte nesta nova etapa que comezan  e xa sabedes…aquí teredes sempre a vosa casa.

domingo, 17 de junio de 2018

GAÑADORES do Concurso de Cancións en LSE “Cantamos coas máns”


Parabéns!!!!, o noso cole foi, por segundo ano consecutivo, gañador do Concurso de Cancións en LSE “Cantamos coas máns” que convoca a FAXPG, co vídeo realizado polos alumn@s do cole e dirixido pola nosa intérprete de língua de signos Luísa Lombardero. 
En hora boa aos rapaces e a Luísa por todo o traballo e por tan merecido premio. Ata a mesmísima SES compartíu no seu Facebook o impresionada que quedou ante tanta fermosura. Como dixo alguén nun dos numerosos comentarios que colgaron nas redes:
Queda un sen palabras ante tanta fermosura.Parabéns a tan loábel iniciativa, amosades a esencia máis nobre da condición humana.Xa é hora de igualar os dereitos lingúísticos das persoas xordas, e con este tipo de INICIATIVAS axudades a visualizar a problemática de moita xente.Fantástico, xenial...Tempestades de sal adquire unha nova dimensión, xa de por si é enormemente bela, mais dende hoxe agranda o seu horizonte.
Sodes Xeniais!!!!





jueves, 14 de junio de 2018

14 DE XUÑO. CELEBRAMOS O DÍA NACIONAL DA LÍNGUA DE SIGNOS

Hoxe, 14 de xuño, celebrase o Día Nacional das Linguas de Signos Españolas, e dende o CPI As Mirandas queremos recordar este día mediante a publicación dunha canción de Sés “Tempestades de Sal” en Lingua de Signos Española. Ao longo do vídeo facemos un rápido percorrido histórico sobre as principais figuras e acontecementos que influíron e determinaron a educación das persoas xordas dende o século XVI ata a actualidade.

             

Como veredes aparecen dende mestres como Fray Pedro Ponce de León que establecerá o primeiro método de ensinanza para xordos, educando a fillos de nobres para que demostrasen capacidades intelectuais, e así poder obter permisos para herdar e facer testamento, que naquela época non lles eran concedidos debido a súa discapacidade auditiva; ata Juan Luis Marroquín que no século XX converteríase no verdadeiro fundador do movemento asociativo xordo de España, e creador do que hoxe é a CNSE (Confederación Estatal de Persoas Xordas).
 Neste vídeo quixemos comezar a nosa andadura no ano 1880, data na que se celebra un Congreso en Milán, que vai a marcar un antes e un despois na Historia da Comunidade Xorda. Ata entón a Lingua de Signos era considerada a lingua natural das persoas xordas, mais neste Congreso acordárase prohibir o uso da mesma, impoñéndose así a posición oralista no eido educativo. Nas escolas non se permitirá a utilización dos signos, xa que se consideraban inadecuados para a consecución dos obxectivos educativos trazados nesa época. 
Realmente, invitámosvos a indagar un pouco máis nas resolucións de dito Congreso no que participaron soamente mestres oíntes (aos xordos permitíanlles asistir pero non votar). Poderíamos dicir que foron os anos escuros da Lingua de Signos na educación das persoas xordas. Con todo, grazas a súa loita constante, as persoas xordas conseguiron manter a súa lingua durante moitas décadas a través da súa unidade manifestada no movemento asociativo.
Tentamos tamén a través deste vídeo, reiterar a loita constante da Comunidade Xorda signante sobre algúns termos que adoitan empregarse de forma errónea como xordomudo ou mudo; a forma correcta de dirixirse a unha persoa xorda é empregando a palabra xordo/a; tamén adoita ser común ver o uso do termo linguaxe no lugar de lingua, moitas veces por unha transliteración do inglés. O idioma que empregan as persoas xordas é a Lingua de Signos; en España atopamos como oficiais dende o ano 2007, a Lingua de Signos Española e a Lingua de Signos. 
Xa para rematar queremos agradecer a colaboración do Concello de Ares e de Secundino, grazas ao cal descubrimos a Escola de Guitriz, que situada nun enclave digno de visitar, recrea unha escola rural de mediados do século XX. E por suposto, un agradecemento especial aos rapaces que unha vez máis coa mesma ilusión, esforzo e compromiso, conseguiron que traballar con eles sexa un auténtico pracer, ademais de moi doado e enriquecedor. Así grazas a Hugo, Valeria, Marta, Candela, Jimena, Claudia, Clara, Habte, Noa, Laura e Khadija.

sábado, 26 de mayo de 2018

O CPI As Mirandas gaña o Concurso ComunicaTedu organizado pola Consellería de Cultura e Educación


Este ano o noso centro participou por primeira vez no concurso ComunicaTedu ao ser seleccionado o noso proxecto. O grupo de 3º ESO gañou o primeiro premio!. Este concurso pretende afondar na competencia en comunicación lingüística. En concreto na competencia  oral activa a través do discurso oral. A iniciativa propón chegar a competencia desde metodoloxías innovadoras e desde unha perspectiva ética e crítica a través de temáticas que poidan espertar o interese do alumnado. Ademais pretende que se consiga esta competencia desde unha abordaxe que integre as metodoloxías activas e o traballo por proxectos, para conseguir a competencia en contextos comunicativos reais.  O tema desta edición foi "A alimentación como hábito de vida saudable".  O que fixeron todos os rapaces de 3º e os de 4º de Bioloxía e Xeoloxía foi elaborar un ensaio expositivo argumentativo,  memorizalo e posteriormente gravalo en toma única. A nosa compañeira Yoli prestou os seus medios e presencia para a gravación.  Todos os rapaces foron avaliados de dous xeitos: os textos avaliaronse coa rúbrica conxunta dos departamentos de Lingua Galega e de Bioloxía-Xeoloxía, presentada ao concurso, mentres que a exposición oral avaliouse coa rúbrica cedida pola consellería.
O proxecto desenvolveuse en catro semanas durante 19 sesións nas materias de Lingua Galega, Bioloxía e Xeoloxía, e coa cesión de catro sesións de Titoría nos niveis de 3º e 4º da ESO coa participación de todo o alumnado matriculado nestes dous niveis. Os profesores participantes foron: Mª Jesús Mourazos, coordinadora, profesora de Bioloxía-Xeoloxía e Mª Luísa Corredoira, profesora de Lingua Galega de 3º ESO. Tamén tivo uha pequena parte de colaboración Anxo X. Rajó, profesor de Lingua Galega de 4º da ESO. As titoras Mª do Rocío Pena, Mª Jesús Mourazos, Vicenta de la Fuente e Eva Chans, e o resto dos compañeiros participaron á hora de ceder as súas horas lectivas.
Preséntáronse tres grupos: Un de 3º de ESO, coa participación de 2 rapazas e un rapaz, e dous de 4º de ESO, coa participación en cada grupo de 2 rapazas e un rapaz. A continuación móstranse os rapaces participantes, os títulos dos seus traballos e a ligazón aos seus vídeos.
Grupo 1 - Uxía Mesías, Sergio Pena e Sofía Cao (3º E.S.O.)

Grupo 2 - Icía Bermúdez, Verónica Rodríguez e Álvaro Freire (4º E.S.O.) ;

Grupo 3 - Yasmina Martínez, Vera Candal e Borja Díaz (4º E.S.O.);

               O primeiro grupo composto por Uxía, Sergio e Sofía gañou o concurso!.  Parabéns!!!



http://www.ferrol360.es/alumnado-de-3o-de-eso-del-cpi-as-mirandas-ganador-del-concurso-comunicatedu/

martes, 22 de mayo de 2018

ÉXITO DA II FEIRA DENDE ARES CARA AO MAR


Non podemos estar máis que satisfeitos da xornada de hoxe na que se reflectiu o traballo colaborativo realizado no noso cole durante este curso e que deu como resultado a II Feira “Dende Ares cara ao mar”.
Parabéns a toda a comunidade educativa: a todos os profes de infantil, primaria e secundaria, a todo o alumnado do centro desde os máis pequerrechos ata os máis maiores, que traballaron e colaboraron dunha maneira impecable, realizando unha gran labor en cada un dos stands representados; aos alumn@s  da materia de economía pola realización dese estupendo mapa guía e os roteiros pola vila tan ben guiados e explicados; ao grupiño de músicos que nos acompañou durante toda a xornada- xodes uns cracks-, a Tino Fernández e os seus alumnos do CIFP Ferrolterra por eses obradoiros de robótica- unha delicia para os nenos e nenas, e que ben o pasaron-,  as asociacións deportivas de Ares (clube de remo, a Asociación cultural e deportiva SCUBA, a Windsuf zona norte), á concellería de turismo, a Manolo Cainzos por ensinarnos a facer nós mariñeiors e coser rede, a Suso Fariña polas fotografías da exposición, aos nosos amigos de Ares por deixarnos a Rizona, ese barquiño tan chulo que centralizou a nosa peculiar muiñeira global,a Dani Magariños por esa mostra de aparellos mariñeiros, aos que que organizaron o stand de Unha cura para Adri e a todas os comercios locais que colaboraron desinteresadamente aportando o seu gran de area para o sorteo dos premios.
E por suposto ás autoridades que nos acompañaron na inauguración da feira e ao longo da xornada: o Secretario Xeral de Cultura Anxo Lorenzo, o inspector de educación Manuel Trigás,  a José Antonio Sordo do CFR de Ferrol, ao noso alcalde Julio Iglesias, e ao resto de concelleiros da nosa vila. Grazas tamén aos representantes das asociacións ANPA e Amigos do Mosteiro de Santa Catalina e por suposto á dirección e profesorado do CPI As Mirandas
 por promover e apoiar todas as iniciativas que se están a levar a termo no noso centro e a todas as familias e veciños que hoxe nos acompañaron nesta xornada.
Nas seguintes fotos tedes unha pequena mostra do evento. En breve poderedes ver na páxina web do centro o vídeo resumo da II Feira dende Ares cara ao mar.

Grazas a todos por facer que a xornada resultase todo un éxito.