lunes, 23 de febrero de 2015

DÍA DE ROSALÍA

A data de hoxe, 24 de febreiro (data de nacemento de Rosalía) está recollido oficialmente como Día de Rosalía de Castro pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no seu Calendario do Libro e da Lectura.
Desde o século XIX Rosalía de Castro foi homenaxeada polas galegas e os galegos como a escritora máis representativa da lingua e da literatura galegas, pois asumiu a voz do seu pobo, voz que guiou permanentemente a súa obra e o seu pensamento. Esta comunicación e entendemento permanente co seu pobo, ao se dirixir a el no seu idioma propio, foi o que a fixo tamén poeta de todos os pobos, chegando a formar parte da nómina de escritoras máis destacadas da literatura universal de todos os tempos.
No noso centro, os alumnos e alumnas de Terceiro de Primaria e 1º da ESO, recórdannos a Rosalía recitando os seus poemas e  facendo unha breve declaración co lema de “Eu son Rosalia...”, e así amosar as múltiples sensibilidades da autora.

Aquí vos deixamos o seu traballo.

              

             

miércoles, 18 de febrero de 2015

FESTIVAL DE CLIPMETRAXES

O alumnado de 4º ESO do cole de Ares está a concursar no Festival de Clipmetraxes sobre a pobreza e o cambio climático. Como hai un premio ao clipmetraxe máis votado, pediríavos que si queredes, piquedes na foto, o vexades e nos regaledes un voto.



  GRACIÑAS. POR UN MUNDO MÁIS HUMANO E SOSTIBLE!!!

domingo, 15 de febrero de 2015

ENTROIDO 2015 NO CPI CONDE DE FENOSA

Este ano celebramos o Entroido por todo o alto. A verdade é que hai que dar as grazas a todo o profesorado de infantil, primaria e secundaria e, por suposto ao alumnado, por todo o traballo e implicación nesta xornada. Non soamente se apreciaba toda unha labor de semanas na elaboración dos disfraces dos de infantil e primaria, senón tamén nas coreografías e representacións que os alumnos/as dos diferentes cursos da ESO levaron a cabo. E, aínda que o tempo non acompañou, non conseguiu sen embargo  “augar a festa”.

Na ESO comezamos as actividades coa I Carreira de disfraces “Dulcess Lessons”, carreira lúdico-deportiva encamiñada a recadar fondos para a construción dunha escola infantil en Iringa (Tanzania). A nosa compañeira e atleta Paula Mayobre patrocinou e acompañou ao alumnado nesta actividade, na que se repartiron premios aos corredores e ao mellor disfraz.
Tamén tivemos a entrega de premios da IV Semana Problemática organizada polo departamento de matemáticas e as finais do campionato de fútbol sala organizado polo departamento de Educación Física. E para rematar, que mellor que facelo bailando coas coreografías que os rapaces e rapazas da ESO montaron con tanto entusiasmo. A verdade é que o fixeron espectacularmente.  

En Infantil e Primaria non puideron saír pola vila pero aínda así, desfilaron polo patio cuberto para todos, incluídos os pais e as nais e os centos de reporteiros gráficos que ata alí se achegaron. E...sorprendéronnos cos seus disfraces. Este ano o tema era o tempo atmosférico. Non faltaron os lóstregos e nubarróns, as chuviscadas e as nubes, as pingas de auga e o arco da vella, o sol ( que aínda que non nos acompañou na xornada, estivo moi ben representado polo noso secretario Juan).Tamén tiveron presente o coidado do medio ambiente cos disfraces de reciclaxe e as pancartas reivindicando o coidado do planeta. A verdade é que tod@s alumnos/as, profesores/as merecían un premio por colaborar para lograr un espectáculo de tanta talla. E logo do desfile degustaron postres típicos do entroido que amablemente prepararon as nais dos alumn@s.

                        A continuación tedes unha reportaxe gráfica da xornada. 
                                          FELIZ Entroido a todos e todas!!!




miércoles, 11 de febrero de 2015

martes, 10 de febrero de 2015

RECURSOS RELACIONADOS CO ENTROIDO 2015

A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) infórmavos de que están á disposición dos centros educativos e dos equipos de dinamización da lingua galega novos materiais e recursos relacionados coa celebración do Entroido. Se premedes na imaxe inferior poderedes acceder directamente á páxina da SXPL que contén dita información.



miércoles, 4 de febrero de 2015

MINI DOCUMENTAL: AS ONGD´S COLECTIVOS DE ACCIÓNS SOLIDARIAS

O alumnado de 1º ESO estivo a traballar sobre o papel que xogan as ONGD´s no desenvolvemento humano dos pobos. A partir da información que foron recompilando gravaron este vídeo documental no que se inclúen algunhas das ONGD´s máis importantes e as actuacións que están a realizar, encamiñadas ao desenvolvemento de colectivos excluídos ou en risco de exclusión, así como a países ou comunidades necesitados de axuda e ao  desenvolvemento humano e sostible do noso planeta.
Con esta actividade preténdese potenciar o uso oral e escrito do noso idioma así como fomentar os “Proxectos documentais” que integran as Tic e o Proxecto Lector.
Aquí vos deixamos o vídeo. Esperamos que vos guste.