domingo, 27 de noviembre de 2011

RECURSOS PARA TRABALLAR O NADAL NAS AULAS


A Coordinadora Galega de EDLG vén de poñer á disposición da comunidade educativa unha páxina web dedicada ao Nadal. Deste modo, dende a Coordinadora se nos ofrece unha plataforma web colaborativa que recolle recursos e materiais elaborados nos propios centros escolares. Neste monográfico especial de nadal podedes atopar:

1.- Recursos para traballar nas aulas:  escolma de recursos elaborados por docentes, institucións e asociacións. Inclúe unidades didácticas, actividades en liña, manualidades, panxoliñas, contos, modelos de cartas para enviar aos Reis Magos e o Apalpador, o refraneiro, bases de concursos, etc. Agardamos completala coas vosas achegas a   correo@coordinadoraendl.org
2.-  Postais elaboradas polo alumnado: espazo destinado a recoller as felicitacións feitas polo alumnado que, unha vez dixitalizadas, poden ser enviadas, a través da rede e de modo moi sinxelo, polo propio alumnado e as súas familias para felicitar as festas e o novo ano. O prazo de recepción de postais continuará aberto ata o 19 de decembro. 
 
O enderezo da páxina é:  http://www.coordinadoraendl.org/nadal2011/index11.php


jueves, 24 de noviembre de 2011

EDUCACIÓN DIXITAL: e-ducando

Hoxe en día, o uso que os nenos, adolescentes e mozos fan de Internet non pode deixar indiferentes a pais e educadores, xa que se os beneficios son evidentes tamén son moitas as ameazas ás que están expostos mentres navegan. A mellor forma de os protexer é estar informados e aplicar prácticas de seguridade eficientes.
 A Asociación Socio-Pedagóxica Galega, a través do dominio http://educaciondixital.as-pg.com facilita información de interese sobre o concepto de educación dixital e temáticas vinculadas. É o proxecto e-ducando, unha iniciativa da Asociación Socio-Pedagóxica galega que pretende abordar a progresiva implantación da educación dixital facilitando un acceso óptimo e seguro das xeracións máis novas ás Tecnoloxías da Información e a Comunicación e, ao mesmo tempo, permitindo un maior coñecemento por parte do conxunto da Sociedade das súas potencialidades e perigos. É un proxecto que se dirixe a toda a sociedade porque toda a sociedade está implicada no proceso educativo e pretende incidir nos aspectos dun cambio necesario que ten que ver máis cos aspectos sociais que cos tecnolóxicos.
 Por iso, desde esta asociación invítannos a visitar e-ducando (http://educaciondixital.as-pg.com/) para informarnos, atopar novas sobre a educación dixital,poñer en común recursos dixitais ou buscar os mellores recursos web.

martes, 22 de noviembre de 2011

20 DE NOVEMBRO. DÍA INTERNACIONAL DOS DEREITOS DOS NEN@S

Todos temos dereitos, adultos e nenos. A gran diferenza é que os adultos podemos pelexar por eles, esixir que se cumpran, en cambio os nenos, necesitan de nós para que os seus dereitos se respecten. Os nenos deben ser protexidos e coidados, non só pola súa familia e o seu grupo primario, polo Estado, polos políticos, pola cidadanía enteira. Os dereitos dos nenos son tan amplos como amplos son os aspectos dunha vida, teñen dereito a estudar, a vivir en condicións dignas, a que se coide da súa saúde (física e mental), a ser alimentados e sobre todo amados. Cada un de nós, seguramente desde o seu lugar, tenta que estes dereitos sexan respectados, pero non sempre a realidade permite que iso se cumpra. As políticas de seguridade social, saúde, educación moitas veces non contemplan estes dereitos básicos. É un deber de todos coñecer cales son os dereitos que os nosos mozos teñen porque, coñecendo, é máis fácil loitar por que todos gocen deles.
O alumnado  da ESO reflexionou sobre o tema  realizando diversas actividades como murais, power points e videos. Aquí podedes ver unha mostra do seu traballo.



jueves, 17 de noviembre de 2011

CONCURSO DE PRESENTACIÓNS ELECTRÓNICAS PARA FELICITAR O NADAL

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca un concurso de presentacións electrónicas para felicitar o Nadal en lingua galega. Logo da ampla participación acadada na primeira edición da iniciativa, con máis dun cento de propostas recibidas, a secretaría xeral pon de novo en marcha este concurso, co que busca promover a presenza do galego na comunicación propia das festas de Nadal e tamén no ámbito das tecnoloxías.
Os traballos que participen no concurso deben facer referencia a un tema vinculado con estas datas, para felicitar o Aninovo, o Día de Reis ou as festas de Nadal en xeral. Ademais do tema, valorarase o enxeño e o coidado estético e lingüístico das propostas.
Aquí vos deixamos as bases.


martes, 15 de noviembre de 2011

Actividades de outono, samaín e magosto no cole. Os protagonistas, o alumnado de infantil e primaria.

Chega o outono e con el as castañas, as caveiras de melón, os calacús, os cogumelos, os froitos de inverno; chegan as augas e mergullámonos no inverno, vaise a calor e vén o frío: son os tempos do Samaín. A que isto escribe pasou esta semana a facer unha visitiña por infantil e primaria e a verdade que quedei abraiada por todas as cousas que @s profes xunto cos seus alumn@s estiveron a facer.
Nas seguintes presentacións podedes ver as actividades que os nenos e nenas de infantil e primaria do noso cole, fixeron neste outono para celebrar o samaín e o magosto.



viernes, 11 de noviembre de 2011

ACTIVIDADE PARA A CONMEMORACIÓN DO II DÍA DA CIENCIA

Con motivo da Semana da Ciencia en galego, o noso profe de ciencias Xacobo organizou unha actividade co obxectivo de consolidar o emprego da nosa lingua no eido científico e amosar tamén que a ciencia pode ser divertida.
Os rapaces e rapazas de 2º da ESO prepararon por parellas unha serie de experimentos científicos super divertidos e presentáronllelos aos compañeiros doutros niveis nun obradoiro científico-práctico.
Experimentos como flota ou afunde, os mistos veloces, as tres capas flotantes, o globo resistente ou o moco louco foron algúns dos experimentos que puxeron en práctica os nosos aplicados científicos.

A verdade é que foi unha actividade moi interesante. Aquí tendes algunhas imaxes dos obradoiros.


Tamén vos deixamos un video dos experimentos realizados polos alumnos e alumnas de 2º da ESO:







jueves, 10 de noviembre de 2011

VISITA A SOGAMA

Onte  o alumnado de 5º de E.P. fixemos unha visita a Sogama. Vimos todo o proceso de selección do lixo. Para iso tivemos que usar mascarillas  e cascos; xa vedes que estamos moi favorecidos nas fotos. Unha das cousas que nos explicaron foron "os tres R" ( redución, reutilización e reciclaxe), e tamén como temos que seleccionar os nosos residuos.
Despois da visita fomos a Cerceda ao Aquapark

lunes, 7 de noviembre de 2011

APLICACIÓNS DA INVESTIGACIÓN XENÉTICA

"Aplicacións da investigación xenética: o seu uso na práctica policial" é o título da segunda videoconferencia organizada pola CGEDLG con motivo da celebración do II Día da Ciencia en Galego, impartida por Ángel Carracedo, Catedrático de Medicina Legal e director do Instituto de Medicina Legal e do Grupo de Medicina Xenómica da USC .Esta segunda videoconferencia tivo lugar de 12:30 a 13:30 horas o venres 4 de novembro de 2011, e a ela asistíu o alumnado de 4º da ESO. Unha introdución sobre o ADN foi o punto de partida para achegar as aplicacións da xenética no campo da investigación forense, área no que os grupos de investigadores liderados por Ángel Carracedo lideran a produción científica mundial. De novo, tras a conferencia, o alumnado tivo a oportunidade de lanzar a súas preguntas a través dun chat. 




ANO INTERNACIONAL DAS ÁRBORES

"Sabes por que 2011 é o Ano Internacional dos Bosques?" é a pregunta a través da cal Mª Isabel Fraga Vila, profesora e membro da cátedra de Botánica da USC e directora do Museo de Historia Natural da universidade, introduciu a súa ponencia, enmarcada dentro das actividades promovidas pola CGEDLG para celebrar o II Día da Ciencia en Galego. O alumnado de 1º da ESO asistíu a esta videoconferencia que tivo lugar entre as 10:30 e 11:30 da mañá do venres 4 de novembro de 2011. Tras a interesante charla sobre os bosques como parte integrante do desenvolvemento sostible do planeta e os seus beneficios económicos, socioculturais e ambientais, o alumnado tivo a oportunidade de interactuar formulando preguntas a través dun chat, que Mª Isabel Fraga Vila foi respondendo dunha maneira moi didáctica. Tanto o alumnado como o profesorado participante nesta actividade mostrou o seu interese por repetir. Os nosos parabéns á CGEDLG!!!

Ano internacional dos bosques
View more documents from satelite1

 Aquí vemos ao alumnado de 1º da ESO na videoconferencia

sábado, 5 de noviembre de 2011

E CO OUTONO CHEGA O MAGOSTO

Presentación sobre o magosto e a súa orixe.(Picade enriba para vela en grande)