martes, 31 de mayo de 2011

Serafín Marcos demostra empiricamente  que Lois Pereiro aínda vive connosco

Lois Pereiro ofrece unha poesía profunda, difícil, hermética que distancia os lectores e evita unha identificación inmediata e directa. Esa é a percepción que recollemos todos. Ben, todos non, Serafín Marcos, non. Este home, que xa é a segunda vez que nos visita, é un mago da poesía. Capta a esencia da mensaxe, o ritmo musical de cada verso, a plasticidade da idea, …

A sorpresa, o ritmo frenético, a combinación de recursos (escenificación, imaxes, música, movemento, …) convértese nunha estratexia modelo para achegar a poesiá ao alumnado. Xamais pasa de incógnito a interpretación de Serafín. O rabecho de pelo que nos deixa cada ano redondea una performance xenial.

Ánimo, Serafín!! Sigue con esa enerxía transgresora.

O vídeo da actuación é unha excelente mostra do seu xenio artístico.
 

 

martes, 24 de mayo de 2011

LAURA ENTREVISTA AO NOSO DIRECTOR QUE ESTE ANO SE XUBILA

Este é o derradeiro curso académico no que imos contar coa presenza do noso director José Freire que nos acompañou durante moitos anos. José deixa a dirección e a docencia despois de trinta e catro anos no noso centro. Comeza así unha merecida etapa de descanso, que non de inactividade, xa que de seguro se entregará ao resto das súas paixóns con xúbilo, que é como debe entenderse toda xubilación.
Laura Pita, alumna de 1º da ESO entrevistou a Freire como cariñosamente se lle chama, e aquí tedes a fantástica entrevista da nosa reporteira.

L: Freire é o noso director e este ano xubílase depois de moitos anos traballando neste colexio. Ademais de director é profesor de "mates" en 1º e 2º da ESO. Pedímoslle que nos contestase unhas preguntiñas e el moi amablemente accedeu.

L: Bo día Freire!. Comezamos a entrevista con unha preguntiña moi sinxela.Cantos anos levas traballando no "Conde de Fenosa"?.

F: Levo traballando neste centro nada máis e nada menos que 34 anos, que se di moi pronto...

L: Cal foi o mellor recordo do teu traballo e o peor?.

F: O mellor recordo, rematar cunha tarefa que intentei facer o mellor posible e con toda a ilusión. O peor, algúns momentos difíciles nos que hai que resolver problemas graves como faltas de espazo no centro, falta de profesores, falta de limpieza...

L: Que che gusta máis, ser director ou profesor?.

F: Unha cousa non pode ir sen a outra. Un director sen ser profesor non se enteraría de nada. Pero ante todo son profesor.

L: Que pensas facer despois de xubilarte?

F: Despois de xubilarme teño pensado facer moitas actividades. A verdade é que xa estou inmerso en moitas delas polo que continuarei coas mesmas, pero agora con máis calma e máis tempo.

L: Virás algunha vez a vernos?.

F: Por suposto que virei, máis dunha vez.

L: Hai algunha diferenza entre os alumnos de agora e os de cando empezaches a traballar?.

F: Si que hai moita diferenza sobre todo en como ocupan o tempo de lecer. Antes non había ordenadores, móbiles nin internet. Iso marca moito, tanto á hora de ocupar o tempo libre como á hora dos estudos. Que sería de v´ss se vos quitasen todo iso?. En fin... pero hai que recoñecer que sempre houbo alumnos bos, máis bos e menos bos.

L: Cóntanos algunha anecdota que che acontecese nestes anos que levas traballando?.

F: Ao longo da miña traxectoria profesional houbo moitas anecdotas. É anecdótico por exemplo que alumnos meus estean dando clases como profesores no noso centro. E tamén é curioso que a veces os alumnos que foron mais "cacos" no seu tempo, son os que agora veñen a dicir que lles metamos caña aos seus fillos para que se comporten ben...

L: Aquí remata a entrevista. Gustaríache contar algo máis?.

F: Pois si, o que quero recordar cando me vaia é a parte positiva e bonita de toda a miña traxectoria, e todo o tempo que estiven no CPI “Conde de Fenosa”.

Por último quero agradecerlle a toda a comunidade educativa o seu apoio e colaboración en todos este anos.

domingo, 22 de mayo de 2011

GAÑADORES Concurso Coca-Cola

Vox audita perit; litera scripta manet
(A palabra oída perece; a palabra escrita permanece)

Seguro que moitos e moitas de vós xa sabiades que catro alumnos de 2º da ESO do noso centro se presentaron ao concurso novos talentos de relato curto en galego que patrocina Coca Cola, pois si, tivemos catro talentos que se presentaron ao concurso e tres deles clasificáronse na fase provincial.
Marina, Roberto e Julián recibirán o seu merecido premio o día 27 en Compostela nun lugar emblemático, O Museo do Pobo Galego. Polo momento descoñecemos en que consiste o premio, a intriga manterase ata o final; ademais, ese mesmo día, desvelarán quen é a gañadora ou gañador autonómico e, quen sabe o que ocorrerá? De certo que calquera dos vosos compañeiros pode optar a este premio que supoñería un recoñecemento ao seu talento e traballo.
Coido que non é preciso que repita, o que con frecuencia vos digo: sodes moi bos. Este é momento de recordárvolo, non si?

Para Laura: Participar xa é gañar. Samuel Beckett dicía: "As palabras son todo o que temos". Ti tes a palabra, seguro que non tiveches o momento. As palabras son moito máis importantes que o momento, porque este perece, pero a palabra permanece.

viernes, 20 de mayo de 2011

DÍA DAS LETRAS GALEGAS NO NOSO CENTRO

Con motivo do día das letras galegas, os nenos e nenas de educación primaria fixemos un montón de traballos, estes son algúns exemplos:






Os nenos e nenas de infantil tamén fixeron un bonito mural para conmemorar o Día das letras galegas. Aquí tedes o seu fantástico traballo.





martes, 3 de mayo de 2011

LETRAS GALEGAS 2011

Este ano o Día das Letras Galegas  está adicado a Lois Pereiro. 

Lois Pereiro, nado en Monforte de Lemos en febreiro de 1958, está considerado un mito da poesía galega contemporánea. Formou parte do denominado Grupo de Amor e Desamor, un conxunto de dez poetas da talla de Pilar Pallarés, Lino Braxe, Manuel Rivas, Mato Fondo, Xavier Seoane, Fenán-Vello... A súa obra fai del un autor de culto e representa a renovación e o achegamento aos lectores máis novos.

Para saber mais sobre Lois,  tesdes aquí unha serie de ligazóns coa súa biografía, recursos didácticos e demais. Só tedes que picar enriba deles.


Aquí vos deixamos dúas  presentacións sobre a vida e obra de Lois Pereiro. Picade enriba delas para velas en grande.





Actividade para facer sobre a vida e obra de Lois Pereiro

REMATOU O PREGUNTÓN 2011

Parabéns a todos/as queridos preguntóns, fixéstelo moi ben. 

Noraboa aos alumnos/as gañadores/as e a todos os que participáchedes nesta segunda edición do preguntón. Gracias polo voso interese, polo voso ánimo e pola vosa curiosidade de "preguntóns".

Gañadores: Martín Pérez Sarmiento e Julián Sixto Sánchez (2º ESO)
Finalistas: Yanira Vázquez Monzón e Clara Morado Morgade (1º ESO)
Os premios entregaránse en maio, coincidindo coa semana das Letras Galegas